martes, 16 de mayo de 2017

A ASCM RECIBE UN PREMIO DA DXT POLA OBRA DE TEATRO “SUPERPANCHITA”

A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) entregou ao grupo de teatro ASCM un ACCÉSIT pola súa participación no “Concurso de proxectos de Educación Viaria”.

O luns pola tarde a coordinadora provincial de educación viaria da DGT, Rosa Mahía, facía entrega do diploma, que acredita un ACCÉSIT, ao grupo de teatro ASCM pola súa participación na IV edición do “Concurso de proxectos de Educación Viaria” coa súa obra “SuperPanchita”.

A obra de teatro premiada “Superpanchita” está realizada por usuarios con discapacidade física e intelectual da Asociación Sociocultural ASCM. Esta peza teatral, que vira ao redor das dificultades dun personaxe caracterizado como unha vaca con mobilidade reducida para saír á rúa, pretende concienciar á poboación sobre a falta de accesibilidad e as barreiras que prexudican aos peóns con discapacidade. Ademais, reflicte a solidariedade dos voluntarios á hora de contribuír a sensibilizar os devanditos problemas. De aí, que se decida crear unha “superheroína” para defender os dereitos dos peóns con discapacidade: “Superpanchita”.

Esta obra parte do “Decálogo do peón con discapacidade” elaborado por ASCM que logo foi levado a cómic e posteriormente a peza teatral.

Este acto, que tivo lugar na delegación de Ferrol de ASCM, comezou co visionado da obra galardoada. A continuación a xerente da ASCM, Paula Gárate, fixo unha reflexión sobre a problemática das barreiras arquitectónicas que sofren os peóns con discapacidade e cedeu a palabra a Rosa Mahía, que agradeceu o labor que realiza a ASCM e resaltou a importancia da seguridade viaria, tanto na distancia entre usuarios como na visibilidade.

O acto finalizou, entre aplausos, coa entrega do diploma e duns obsequios por parte da DXT.









No hay comentarios:

Publicar un comentario